19/10/2016
As esculturas que conforman a serie CARRUMEIROS, de Enrique Santiago Esperón, poden verse no Ateneo Santa Cecilia de Marín ata o 30 de setembro. O horario é de martes a venres de 18:00 a 21:00 horas, e os sábados de 12:00 a 14:00 horas.
Di autor desta montaxe artística:
"As pezas combinan pedra e metal transformado polo lume de fragua, compoñendo unha paisaxe submarina. Carrumeiros son algas mariñas, filamentos que se arrolan coas mareas, que se elevan e danzan na auga. O repuxado das pezas fai que a luz se reflicta creando claro-escuros, esenciais na contemplación da obra.
Un aprende observando diferentes autores, vendo exposicións de todo tipo: escultura, pintura, instalacións, fotografías,
vídeos... No meu caso, aprendín de canteiros, ferreiros, cesteiros, albaneis e moitos outros oficios artesanais nos que se traballa con mestría e que me levaron a experimentar con diferentes materiais.
Son autodidacta; de moitos traballos que realicei non queda nada. Debuxos, recortables, pinturas e outros materiais perdéronse ou eu mesmo os destruín. Toda esa obra foi parte da miña propia evolución".
[Enrique Santiago Esperón]